RECURSOS EN LIÑA PARA O COÑECEMENTO E DIFUSIÓN DA ARQUITECTURA FLUVIAL ETNOGRÁFICA NA PROVINCIA DA CORUÑA



Info.


O proxecto No curso da auga debate sobre o potencial do patrimonio arquitectónico etnográfico no bordo e no leito dos regatos e ríos da provincia da Coruña. Para tal fin, preséntase un inventario xeral de bens, no que se recollen ao redor de dous mil inmobles, do que, debido a súa alta densidade, destácase unha escolma presentada mediante fotografías e imaxes en movemento, acompañadas dun pequeno análise, así como da reacreación de composicións en 3D que contribúen a comprender a súa estrutura e a súa adecuación á contorna.

O obxectivo de resaltar esta selección de inmobles é facer fincapé na súa singularidade; no seu valor etnográfico e arquitectónico e na importancia da súa conservación e difusión, contribuíndo a evitar o seu deterioro ou a súa total desaparición. A toma de imaxes cun vehículo aéreo non tripulado pretende reforzar de xeito visual, cunha estética moi coidada, a idea principal do proxecto, é dicir, afondar no análise das arquitecturas etnográficas clasificadas en distintas tipoloxías (muíños e batáns, pesqueiras, fontes e lavadoiros) que se sitúan no ámbito de influencia das innumerables correntes fluviais, en como se adaptan ao territorio, condicionado polo discorrer da auga, ao tempo que se ofrece unha perspectiva novedosa para difundir o patrimonio neste tipo de iniciativas culturais.


Fotografías ︎︎︎ David García-Louzao















DESEÑO E CONCEPTO VISUAL: NOVAGARDA










PESQUEIRAS DO ULLA [1]
[HERBÓN/PADRÓN]

As pesqueiras datan de época romana, gárdase documentación sobre as mesmas dende o século XI e aínda se conservan en dous dos principais ríos da provincia da Coruña, no Tambre e no Ulla. A día de hoxe son xestionadas polos veciños, pero séculos atrás outorgaban as licenzas de pesca dende o Cabido de Iria. Estas robustas estruturas conformadas por grandes bloques pétreos sitúanse perpendicularmente á corrente no leito dos ríos, cunha altura duns tres metros, deixando pasar a auga entre elas. Nos ocos que quedan entre elas, tamén chamados boquetes, dispóñense os aparellos de pesca coñecidos como cangalla ou butrón, unhas redes nas que se captura pola noite a lamprea, peixe que entre xaneiro e maio remonta dende o Atlántico a auga doce destes cauces coruñeses.

Ao longo do río Ulla hai varias zonas habilitadas para a pesca da lamprea, como son as pesqueiras de Herbón e Carcacía-Lapido, onde se contabilizan catorce, visitables seguindo a senda dos lampreeiros; a área do Xirimbao e  a de Pontecesures, xa na parte final do río. Neste concello, as pesqueiras sustitúense polos baleiros, unha frota de barcos que captura este peixe grazas ao emprego de nasas ou butróns.