RECURSOS EN LIÑA PARA O COÑECEMENTO E DIFUSIÓN DA ARQUITECTURA FLUVIAL ETNOGRÁFICA NA PROVINCIA DA CORUÑA



Info.


O proxecto No curso da auga debate sobre o potencial do patrimonio arquitectónico etnográfico no bordo e no leito dos regatos e ríos da provincia da Coruña. Para tal fin, preséntase un inventario xeral de bens, no que se recollen ao redor de dous mil inmobles, do que, debido a súa alta densidade, destácase unha escolma presentada mediante fotografías e imaxes en movemento, acompañadas dun pequeno análise, así como da reacreación de composicións en 3D que contribúen a comprender a súa estrutura e a súa adecuación á contorna.

O obxectivo de resaltar esta selección de inmobles é facer fincapé na súa singularidade; no seu valor etnográfico e arquitectónico e na importancia da súa conservación e difusión, contribuíndo a evitar o seu deterioro ou a súa total desaparición. A toma de imaxes cun vehículo aéreo non tripulado pretende reforzar de xeito visual, cunha estética moi coidada, a idea principal do proxecto, é dicir, afondar no análise das arquitecturas etnográficas clasificadas en distintas tipoloxías (muíños e batáns, pesqueiras, fontes e lavadoiros) que se sitúan no ámbito de influencia das innumerables correntes fluviais, en como se adaptan ao territorio, condicionado polo discorrer da auga, ao tempo que se ofrece unha perspectiva novedosa para difundir o patrimonio neste tipo de iniciativas culturais.


Fotografías ︎︎︎ David García-Louzao















DESEÑO E CONCEPTO VISUAL: NOVAGARDA










LAVADOIRO DE ROO
[ROO/OUTES]

Estrutura rectangular sita ao carón dun camiño e dun espazo que hoxe se converteu nunha zona de recreo. O lavadoiro, de pía única, presenta en dous dos seus laterais unha pedra de lavar corrida que permitiría, no seu día, o traballo de varias mulleres a un tempo. Anexa, érguese unha fonte desde a que se canaliza a auga cara ao lavadoiro.

Os lavadoiros son construcións comunitarias que aproveitan as correntes de auga ou as fontes para ofrecer un servizo que ata ben empezado o século XIX se soía facer directamente dentro ou na beira dos ríos. Lavar a roupa era un traballo moi duro do que se ocupaban as mulleres, algunhas das cales traballaban como lavandeiras, polo que estes espazos considerábanse exclusivamente femininos e, polo tanto, punto de encontro social. Estas construcións popularizáronse tanto no rural, como nas cidades e vilas por motivos de hixiene e a súa edificación extendeuse ata a segunda metade do século XX, cando a auga corrente foi progresivamente chegando á maioría das vivendas. As lavandeiras recollían a roupa nas casas os días que tiñan acordados, ían a lavala ao río ou ao lavadoiro, poñíana a clareo na herba e cando a entregaban limpa, soíanse ocupar de recoller os restos de comida acumulados nas cociñas das casas, que posteriormente servían de alimento aos animais.